A Casa da Lectura
Concha Costas, presidenta de Espazo Lectura, Beatriz Pereiro, coordinadora de actividades da Casa da Lectura
En maio de 2009 inaugurouse en Donas (Gondomar) a Casa da Lectura, unha antiga escola de Educación Infantil, situada nun contorno rural, que foi recuperada por Espazo Lectura como centro de recursos e de dinamización arredor do libro e a lectura. A Casa da Lectura acolle unha pequena pero actualizada biblioteca e diferentes actividades relacionadas co fomento da lectura, entre as que destaca unha sesión semanal de dinamización lectora dirixida a nenos e nenas de máis de tres anos e as súas familias. Nesta actividade semanal de dinamización trabállase cunha perspectiva diferente á que se ofrece no Contomar, o contacontos semanal que Espazo Lectura organiza na Biblioteca Municipal de Gondomar, xa que o obxectivo é presentar a lectura como unha chave que abre as portas a outras experiencias, coñecementos e aprendizaxes.
A orixe do soño
A Casa da Lectura é o resultado dunha proposta que Espazo Lectura logrou botar a andar grazas a un acordo co CEIP Souto-Donas, do que depende a escola infantil, co Concello de Gondomar e coa Consellería de Cultura. A finais do ano 2008, Espazo Lectura solicitou o uso da antiga escola de Educación Infantil da parroquia de Donas como sede da asociación e como centro de recursos e de dinamización arredor do libro e da lectura. A escola, que levaba cinco anos pechada, foi remodelada grazas á colaboración desinteresada dun grupo de socios e socias que achegaron durante meses o seu traballo en diferentes tarefas para conseguir preparar un espazo acolledor e atractivo que se inaugurou finalmente o 16 de maio de 2009 nun acto no que participaron a directora do CEIP Souto-Donas, o alcalde de Gondomar, a actriz e escritora Paula Carballeira, o escritor Gonzalo Navaza e a presidenta de Espazo Lectura. Nacía o soño.
Que ofrece a Casa da Lectura?
Ademais de servir como sede de Espazo Lectura e de acoller outras actividades de fomento da lectura como as sesións do Club de Formación Lectora ou a Fogueira dos versos, a Casa da Lectura abre as súas portas de xeito estable todos os mércores de 17:30h a 19:30h para ofrecer servizo de biblioteca e unha sesión de dinamización lectora. Isto é posible grazas á colaboración dun equipo duns 20 voluntarios e voluntarias, coordinados por unha persoa da xunta directiva de Espazo Lectura que se encarga de organizar as quendas, xestionar o material necesario para as sesións e guiar o proxecto co obxectivo de que resulte variado e equilibrado en canto ao tipo de propostas.
A biblioteca
Grazas a unha dotación inicial da Consellería de Cultura, á colaboración das editoriais que son socias protectores de Espazo Lectura (Xerais, Galaxia, Cumio, Rodeira, Kalandraka, OQO e Patas de peixe) e ás adquisicións que a propia asociación vai realizando, a Casa da Lectura acolle unha actualizada biblioteca que serve de banco de recursos para todas as actividades de dinamización que se inclúen no proxecto de Espazo Lectura e que tamén ofrece servizo de préstamo para todos os usuarios. Nos fondos da Casa da Lectura dominan os materiais destinados ao público infantil, aínda que tamén se ofrecen recursos para os adultos e unha importante selección bibliográfica especializada en fomento da lectura.
O Club de Formación Lectora
Na Casa da Lectura celébranse as sesións do Club de Formación Lectora, un dos catro clubs de lectura que se inclúen na programación de Espazo Lectura. Comparte cos outros clubs de lectura a coincidencia da fórmula -un grupo de persoas que le un mesmo libro e logo se reúne para conversar sobre esa lectura-, pero ten a peculiaridade de que se propoñen libros especializados no ámbito da lectura, a animación lectora ou calquera outro tema directamente relacionado co mundo do libro (estratexias de fomento da lectura, librerías, bibliotecas, edición, talleres de lectura, etc.). É unha actividade pensada especialmente para garantir a formación continua e a reciclaxe daquelas persoas vencelladas coa asociación ou que traballan ou colaboran con ela, xa que o obxectivo é debater, reflexionar e aproveitar esas lecturas para mellorar a eficacia do traballo que se está facendo.
Gondomar, xaneiro de 2011
As sesións semanais de dinamización lectora
Cada mércores, a Casa da Lectura ofrece sesións de dinamización lectora moi variadas, dirixidas aos nenos e nenas e as súas familias, coas que pretende reforzar o seu labor de achegamento aos libros e á lectura e as posibilidades que nos brindan como portas cara a outras linguaxes e fontes de información. As sesións de dinamización permítennos unha inmersión en todos os aspectos do libro e da linguaxe a través do texto e da ilustración, e a experimentación das súas posibilidades sonoras e artísticas, abrindo canles de transferencia dunhas linguaxes a outras dun xeito tan variado que ofrecen unha experiencia moi diverxente.
Tendo sempre como base un ou varios contos ou textos, o equipo de persoas que prepara estas sesións vai establecendo vencellos entre a lectura e outras expresións artísticas de xeito que se ofrezan experiencias e aprendizaxes diferentes. Aínda que a sesión é diferente cada semana, a fórmula que serve como base é semellante: lense algúns contos, textos ou poemas e, a partir desa lectura, propónselles aos nenos e nenas (e ás nais e pais) realizar algunha actividade baseada nos textos que se leron previamente: obradoiros de poesía, xogos de ritmo e rima, teatralización de contos, sesións de lectura e música, de contos e maxia, de contos e números, de contos e medos, de teatro de sombras, de expresión plástica, etc.
Ás veces, recréase a ambientación dalgúns contos con diferentes técnicas e materiais, prepárase algunha receita de cociña relacionada cos contos que se leron (e logo meréndase, claro), fanse disfraces dos personaxes ou proponse realizar algunha actividade manual a partir das lecturas: construír unha maqueta ou un libro colectivo, modelar un personaxe con plastilina ou outros materiais, construír unha caixa para os soños ou un arco da vella, plantar unha árbore, elaborar figuras de papiroflexia, construír un marcador de lectura, facer colares, colaxes, instrumentos musicais, etc.
Outras veces, fanse sesións temáticas que serven para presentar a lectura como unha chave para adquirir coñecementos. Lense varios contos sobre un mesmo tema e aprovéitase para aprender cousas novas a partir deles: a estación do ano en que estamos, algúns animais, algúns países, algúns períodos ou personaxes históricos, algún cadro e o seu pintor, algunha peza musical e o seu compositor, algún escritor e a súa obra, algún personaxe clásico da literatura infantil, etc.
Noutras ocasións, propónselles aos nenos e nenas algún xogo: de obxectos agochados que hai que ir atopando grazas a pistas vinculadas aos contos, de taboleiros nos que se avanza ao ir resolvendo preguntas e adiviñas nas que teñen que demostrar o seu coñecemento dos contos, etc.
En resumo, as sesións semanais de dinamización presentan fórmulas e propostas moi variadas nas que o elemento central, arredor do que se artellan todas as actividades e aprendizaxes, é sempre o mesmo: os libros e a lectura.
Os resultados
Aínda que o reto da Casa da Lectura parecía inicialmente complicado, Espazo Lectura conseguiu darlle vida a un espazo en desuso nun contorno rural, convertelo en lugar de referencia para moitas familias e ofrecer unha programación variada que cada semana sorprende aos asistentes e convídaos a ler, xogar, debuxar, cantar, aprender e divertirse a partir dos libros e da lectura. Resulta unha experiencia moi gratificante porque a actividade en si implica a colaboración activa dos diferentes axentes que interveñen: os voluntarios, as familias e os cativos. Neste senso as actividades van máis aló da pura animación á lectura e convértense en potentes accións de dinamización social. Para todos os que traballamos e colaboramos neste proxecto, é un soño feito realidade.
Edita:
AGE (Asociación Galega de Editores)
Rúa das Hedras 2, 2º F 15895 Milladoiro AMES
Tlfno. 981 570 937
age@editoresgalegos.org
www.editoresgalegos.org
Presidente: Manuel Bragado Rodríguez
© Asociación Galega de Editores
Esta revista é publicada coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.



